Concerto de María José Moreno e Camerata Boccherini
Por Redacción
Organizado pola Sociedade Filharmónica de Pontevedra, este luns, día 22, ás 20:30 horas, terá lugar no Teatro Principal un concerto de música barroca que estará a cargo da soprano María José Moreno e o grupo Camerata Boccherini.
Nacida en Granada, María José Moreno gañou en 1997 o Concurso Francisco Viñas, dentro do cal se lle concedeu tamén os premios do público e ao da mellor cantante española. Actuou en La Scala de Milán, Teatro Real de Madrid, Liceu de Barcelona, Festival de Pésaro, Fundación Gulbenkian de Lisboa, Festival Mozart da Coruña, etc., e baixo a dirección de directores como Peter Maag, Colin Davis, López Cobos, Alberto Zedda, Víctor Pablo Pérez, García Navarro, Richard Bonynge, Ros Marbà, Rinaldo Alessandrini, Marco Amiliato e Vassily Petrenko, entre outros.
En Londres, con Colin Davis e a London Symphony Orchestra, protagonizou en 2006 o papel de Nannetta, da ópera Falstaff, da cal se realizou unha gravación para LSO Live premiada cun Grammy. O pasado mes de novembro actuou no papel de Catalina na zarzuela Os diamantes da coroa, de Francisco Asenjo Barbieri, que se representou, con enorme éxito de crítica e público, no Teatro da Zarzuela de Madrid.
A Camerata Boccherini obtivo importantes éxitos dende o seu debut, destacando a súa participación nos Ciclos de Música Antiga e Barroca de Tenerife e no Liceo de Cámara do Auditorio Nacional de Madrid. Dirixida polo seu concertino, Massimo Spadano, a Camerata utiliza instrumentos orixinais do período barroco.
María José Moreno e a Camerata Boccherini ofrecerán en Pontevedra obras para corda e baixo continuo de Händel, Vivaldi, Mascitti e Corelli, e cantatas para soprano e conxunto de corda de Händel.