Aninovo, música en directo no Pazo da man da Filharmónica Cidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Pontevedra volverá empezar o ano con música. O Pazo da Cultura acollerá o xoves 1 de xaneiro, a partir das 19.00 horas, o tradicional concerto de Aninovo. Nesta ocasión, á música en directo que interpretarán os membros da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra uniranse os dotes artísticos de seis bailaríns do Ballet de Galicia, que os acompañarán sobre o escenario.
Segundo explicou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, trátase dun espectáculo deseñado especificamente -por terceiro ano consecutivo- para o Pazo da Cultura. Destacou que, ademais da "calidade" que atesoura este concerto, "é importante que sexan músicos de aquí, que traballan marabillosamente ben" e aderezado coa danza dunha das principais formacións de baile do noroeste peninsular.
A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra estará dirixida nesta ocasión por José Sanchís, un prestixioso director valenciano que está á fronte da Orquestra Sinfónica da Universidade Complutense de Madrid e que, entre outros, colabora como director musical asistente no Teatro da Zarzuela, o que o levou a acumular unha ampla experiencia na lírica e a zarzuela.
O concerto contará con dúas partes. Na primeira, máis sinfónica, os músicos pontevedreses interpretarán pezas de O crebanoces; mentres que na segunda, moito máis variada, haberá pezas da ópera Carmen e do melodrama Cavallería Rusticana ou os tradicionais valses e polcas da familia Strauss.
Será nesta segunda parte cando suban ao escenario os bailarins do Ballet de Galicia. Segundo explicou o seu director artístico, Juan Miguel Hernández, para eles é todo un reto actuar con música en directo. "Es otra historia, porque te exige más como intérprete", afirmou. "Son personas que están tocando en ese momento y tienes que unir tus movimientos a la música que hacen ellos, todo a la misma altura y al mismo plano".
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de doce euros, pódense adquirir a través de www.servinova.com.