About Art acolle ata o 13 de decembro a primeira exposición en Galicia do artista grego Filippos Tsitsopoulos
Por Redacción
A galería About Art de Pontevedra acolle dende este mércores 26 de novembro a exposición Grimace Competition (O concurso de acenos), do artista grego Filippos Tsitsopoulos. ÿ a primeira mostra que realiza en Galicia. Trátase dunha selección do seu traballo fotográfico que está baseado nun ensaio de Jan Kott, crítico e teórico teatral polaco, sobre un traballo de performance que tivo lugar durante a Segunda Guerra Mundial en Polonia.
Durante unha longa noite de constantes bombardeos de Varsovia, dous actores trataban de loitar e gañar unha estraña competición: o aceno máis feo e máis horrible do mundo realizado polos músculos do rostro humano. Non se sabe quen foi o gañador deste comportamento expresionista absurdo, pero veuse utilizando como exemplo de como a actuación podería empurrar os límites da performance e o oposto que pode ser á vez teatro e realidade.
Así, na exposición preséntanse unha serie de retratos fotográficos nos que aparece o torso do autor con diferentes "máscaras" creadas a partir dos seus traballos performáticos nos que se presenta coa cabeza cuberta de materiais orgánicos, animais e plantas, influído tanto polo teatro como pola historia da pintura, por autores como Arcimboldo ou xéneros como o retrato ou o bodegón.
Na base das obras de Filippos Tsitsopoulos está a necesidade de ampliar os límites máis alá da cara humana e crear o concepto de "vestir a cara como un disfrace", principal instrumento para un actor que constrúe todo un universo de expresión.
Na Galería About Art de Pontevedra mostrarase a historia de retratos e autorretratos que Tsitsopoulos creou para estudar as conexións entre as expresións humanas e a monstruosidade grotesca e encantadora, cómica ou dramática, do interior de cada un. Poderiamos designalos como retratos post expresionistas que responden ás capas psicolóxicas do ser humano e a súa obsesión por retratarse.
A exposición poderá visitarse ata o 13 de decembro, en horario de martes a venres de 10 a 13 horas e de 17.30 a 20.30 horas, mentres que os sábados estará aberta de 11 a 14 horas.
Relacionadas:
-
Miguel Vidal e Lena Panciuc, cara a cara na galería About Art
Por Redacción |
-
Obras de Saura, Antoni Tàpies o Luis Gordillo traen o mellor da galería Rayuela a Pontevedra
Por Redacción |
-
O mundo rural do Miño visto polo portugués Ricardo de Campos, ata o 13 de novembro en About Art
Por Redacción |
-
Isabel Brison amosa a súa postura crítica sobre o urbanismo portugués na galería About Art
Por Redacción |