Os ditos infantís de sempre se espallan por Internet a través de Orella Pendella
Por Redacción
"Orella Pendella" é unha web na que se recollen ditos infantís de todos os tempos e que ten como finalidade realizar un percorrido polo folclore de tradición oral para nenos que se desenvolve en Galicia.
Desta forma, a páxina contén achegas de persoas de toda a xeografía galega e ofrécense dende os ditos máis sinxelos e tenros para xogar cos bebés ata os trabalinguas complicados para poñer a proba a destreza verbal dos adultos. Os promotores desta iniciativa consideran que esta práctica segue sendo unha ferramenta educativa e de ocio fundamental para os galegos do século XXI.
A web foi elaborada por Kiko Fernández Mujico, alumno de EOI de Pontevedra e informático, xunto a María Campos e Carlos Yus, membros da compañía teatral Migallas Teatro.
Precisamente, este mércores 26 de novembro ás 20.00 horas no salón de actos da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Pontevedra, Carlos Yus ofrecerá unha charla sobre esta proposta.