Presentan Culturgal 2014, a "mellor edición" dunha feira que se abre a novos sectores culturais
O mellor Culturgal de todos. Así será segundo Manuel Bragado, presidente da Asociación Culturgal, a sétima edición desta Feira Galega das Industrias Culturais. Celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra entre os días 5 e 7 de decembro e os seus organizadores esperan atraer unhas 15.000 persoas en tres días. E todos elas, xunto cos sectores da industria cultural, terán un papel importante, o seu "corresponsabilidade" coa feira.
Con case 150 actividades e 64 expositores de 70 empresas, colectivos culturais e entidades públicas, o encontro ábrese este ano a sectores como a arte contemporánea, as artes plásticas ou o deseño e a artesanía. Ademais, incorporarase a 'gastrocultura' e unha programación especial para bebés aos seus habituais espazos dedicados ao cine, os libros, o teatro e as artes escénicas, a música, as novas tecnoloxías e os contidos infantís.
Manuel Bragado sinalou que Culturgal é un proxecto "colectivo" que se constrúe dende a "ledicia, afecto e colaboración" dos diferentes sectores culturais galegos. Pero a verdadeira forza desta feira, subliñou, "seguirá estando nos públicos aos que atende". E este ano máis que nunca xa que "non teñen idade" porque haberá un espazo dedicado a nenos de 0 a 3 anos para que a cultura galega "cree e desenvolva un público dende o berce".
Será o primeiro ano no que a entrada a Culturgal sexa de pagamento. Terá un prezo de dous euros (adultos) e un euro (nenos ata 12 anos). Haberá un "guiño especial", segundo o director da feira, Xosé Aldea, aos pontevedreses que poderán adquirir un bono que lles permitirá entrar os tres días por tres euros e dous euros, respectivamente.
Nesta decisión baséase, precisamente, esa corresponsabilidade da que falan os seus organizadores. Aseguran que a cultura sempre foi considerada como algo gratuíto, "un dereito que temos de acceder a eses servizos", afirmou Manuel Bragado. "Pero as industrias culturais teñen un valor de mercado e temos que recoñecelo como tal". Servirá ademais para que o público axude a un proxecto cun presuposto "moi axustado" e poder facelo viable.
Na presentación de Culturgal participaron tamén a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, que sinalou que esta feira "enriquece á cidade" e a cualificou como "o máis grande espazo de encontro de empresas creativas galegas"; e o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, que destacou que con ela se reforza o labor de divulgación social destas industrias culturais e a súa relevancia "tanto polo seu peso simbólico na construción, conservación e difusión do noso acervo cultural, como polo seu valor material, medible social e economicamente".
EIXES DE CULTURGAL 2014
Culturgal 2014 aposta por ampliar horizontes e chegar a novos sectores, pero sen descoidar aos que tradicionalmente sustentaron este encontro. Presentaranse, entre outros, os últimos lanzamentos editoriais e novas revistas culturais, haberá funcións de teatro e artes escénicas de numerosas compañías ou actuacións musicais. Entre elas, o concerto de Caxade coa Banda de Música de Bandeira que será editado posteriormente como disco.
O audiovisual galego terá tamén un espazo central nesta edición. Proxectaranse tres das últimas novidades cinematográficas: A esmorga, de Ignacio Vilar; Encallados, de Alfonso Zarauza; e Costa da Morte, de Lois Patiño. As proxeccións completaranse cun maratón coas webseries Poetarras, Clases do social, Dalle Jas!, De volta ao rural, Fame e Interfecto, acompañados, de coloquios cos seus actores e directores.
A gastronomía como parte da cultura tamén se incorpora este ano a través de propostas literarias, musicais e escénicas relacionadas co mundo da cociña. Entre as propostas deste apartado hai, por exemplo, un debate sobre o futuro das feiras gastronómicas, un foro sobre cervexas artesanais, ceas temáticas, poesía gastronómica e a actuación do cociñeiro Pepe Solla nun das súas facetas menos coñecidas, a de guitarrista e cantante.
Ademais, durante os tres días da feira, poderán visitarse dúas exposicións: Do papel ao xesto. Libros de artistas e outras diverxencias e Bravú XX. Tanta paixón, quen poderá detela!, presentadas hai uns días; e haberá un espazo específico para desenvolver unha programación dirixida a bebés de 0 a 3 anos, onde haberá zonas especiais habilitadas para facilitar ás familias a atención dos seus pequenos.
A programación completa de Culturgal 2014 pódese consultar na páxina web da feira.
Relacionadas:
-
Culturgal 2014 é a "demostración de forza" dun sector galego no que traballan 24.300 persoas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Xa está aquí o Culturgal: Así será o primeiro día da feira
Por Alejandro Espiño |
-
O libro convértese en obxecto artístico nunha exposición en Culturgal
Por Redacción |
-
Culturgal 2014 será de pagamento e con eventos gastronómicos
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |