Cineuropa, Diario Cultural e Viñetas desde o Atlántico, candidatos ao Premio do Público Culturgal 2014
Por Redacción
O festival Cineuropa, o programa Diario Cultural da Radio Galega e o Salón do Comic "Viñetas desde o Atlántico". Un deles será o substituto do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra como Premio do Público de Culturgal, un galardón instituído o pasado ano. Serán os internautas co seu voto os que decidan o proxecto que merece este premio, que será entregado o domingo 7 de decembro no transcurso da feira.
O premio recoñece un proxecto cultural destacado no ámbito social. Para seleccionar as tres candidaturas finais valoráronse especialmente por parte das asociacións que forman parte de Culturgal aquelas propostas que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación.
De Cineuropa, festival dirixido por José Luis Losa, destacan en Culturgal que é a festa do cine na capital galega durante o mes de novembro, desde 1987 apoiado polo concello de Santiago de Compostela como iniciativa pública que mantivo o seu compromiso co público de maneira ininterrompida. Ao redor de duascentas películas conforman anualmente un programa á altura das mellores citas cinematográficas do vello continente.
O Diario Cultural da Radio Galega, en antena desde a temporada 1990-91, emítese de luns a venres as 15.00 horas e está conducido pola xornalista e poeta Ana Romaní. O espazo conxuga información e análise nun formato de revista cultural que conta con especialistas e colaboradores en teatro, música, cine ou arte contemporánea. Ademais, destacan tamén o seu labor como plataforma de creación editorial.
Pola súa banda, desde 1998 o mes de agosto na cidade da Coruña é sinónimo de "Viñetas desde o Atlántico". O salón de cómic, dirixido por Miguelanxo Prado non só impregna do espírito das viñetas á veciñanza senón que é un evento atractivo para os afeccionados. A presenza de autores relevantes e o contacto directo entre estes e os lectores, a variedade de actividades e os eixos temáticos destacados cada ano, máis o pulo dado á banda deseñada galega convérteno nunha das iniciativas culturais máis estables do país.
O período de votacións comeza o xoves 30 de outubro e esténdese ata o 18 de novembro. Será a través da páxina web de Culturgal.