¡Qué Desilusión! presentará o seu segundo disco, "Remedios contra la mala suerte", en Sala Karma
Por Redacción
A xira de presentación do segundo disco da banda pontevedresa ¡Qué Desilusión! recae á fin na casa. O rock urbano que atesouran escoitarase de novo en directo en Pontevedra, cidade na que non actuaban dende a súa actuación na pasada edición de Surfing the Lérez, o pasado mes de xuño. Este novo concerto terá lugar na Sala Karma o próximo sábado 1 de novembro, a partir das 22.00 horas, segundo informa o propio grupo.
Tras lanzar Remedios contra la mala suerte, ¡Qué Desilusión! emprendeu unha xira que lles estivo a levar por diferentes localidades da comunidade galega e que terá a súa continuidade ao longo do inverno e a primavera de 2015. O grande obxectivo será poder actuar nalgún outro punto do territorio español, máis alá de Galicia.
O disco, que tivo unha moi boa acollida por crítica e público, continúa o camiño que empezaron a finais de 2012, co lanzamento do seu primeiro traballo A Golpe de Alfil a través do rock español clásico e directo, con notables influencias de grupos como Los Enemigos, Barricada ou Rosendo.
Acompañados de Green Envy, banda de hard rock pontevedresa cun prometedor futuro, e dos barceloneses Ultraido, co seu cantante e guitarrista presentando en solitario o seu proxecto pola península, será unha noite de sábado que comezará cunha boa dose do máis alto volume.
A entrada para este concerto ten un prezo de cinco euros.