Skirl estrea "Worthless", un videoclip baseado no concepto dos memes
Por Alejandro Espiño
Worthless (Sen valor). ÿ o nome da canción elixida por Skirl para a gravación do seu novo videoclip. Forma parte do seu primeiro disco, un traballo no que estes catro mozos pontevedreses mostran a súa aposta polo hard rock con esencia da música grunge dos 90, aínda que adaptada aos sons actuais.
Alberte Fernández, un dos compoñentes de Skirl, explicou a PontevedraViva que optaron por esta canción, porque creron que era a máis directa deste disco xunto co anterior singre, Hangover, e prestábase moi ben á realización dun videoclip. Algo no que coincidiron con Producións Mutantes, a produtora desta peza audiovisual. "O resultado foi moi bo a verdade, estamos moi contentos con el", asegura.
O video gravouse a finais de setembro nunha xornada que, recoñecen dende a banda, foi "bastante frenética e agotadora". O traballo, dirixido por Gero Costas, completouse en apenas nove horas e rodouse nas instalacións de Portal 48. A idea que dá certa unidade ao video é o concepto do meme, "imaxes estereotipadas que nos transmiten unha idea clara, pero que dentro do vídeo non teñen unha clara relación aparente", explica Alberte Fernández.
Foi un día cheo de anécdotas, moitas das cales foron incluídas na montaxe final do video como a idea de romper unha televisión ou utilizar un gato chinés. "A verdade é que o pasamos en grande utilizando toda clase de chorradas que se nos ocorrían", sinala Alberte. E a iso, hai que sumar que ao guitarrista da banda, Aritz, se lle romperon os pantalóns durante a gravación e outro dos membros do grupo caeu ao chan.
Para a rodaxe do videoclip, Skirl contou coa colaboración de amigos e coñecidos que participaron como extras na gravación, o que lles permitiu que se adecuase ás súas posibilidades económicas. Ningún deles gravara un e aínda que te moitas ganas, Alberte afirma que "ao final do día non queriamos nin oír falar de gravar outro". Agora, visto o traballo con perspectiva as cousas cambiaron. "Sen dúbida repetiriamos", conclúe.
Skirl espera que este videoclip lles axude na promoción do seu primeiro disco, editado o pasado mes de xuño. Pódese escoitar a través de Bandcamp ou Spotity e aínda quedan algunhas copias físicas á venda. Con el, acaban de gañar os concursos do Festimar de Marín e de Cuac FM na Coruña e planean dar o salto ao resto da península en 2015.
Antes diso volverán actuar en Pontevedra (29 de novembro), teloneando á banda londiniense Piper Saint xunto a MLK, e en Vigo (13 de decembro) con El grito chino amenaza los continentes; e agardan dar algunha sorpresa antes de final de ano.