Chega a Pontevedra "La leyenda del unicornio", un espectáculo familiar de maxia, música e humor
Por Redacción
La leyenda del unicornio é un entretido espectáculo musical que está ambientado nun pequeno pobo de pescadores onde os nenos quedan sós mentres os seus pais saen ao mar cada día. Nunha desas xornadas aparentemente tranquilas e rutineiras, aparece repentinamente un unicornio no mar, visiblemente enfadado porque perdeu a súa cría.
Así comeza a historia deste musical baseado nunha lenda clásica na que os seus protagonistas realizarán unha viaxe apaixonante en compañía de peixes, estrelas de mar, pelicanos e tamén magos en busca do unicornio perdido. Representarase este domingo 26 de outubro, a partir das 17.30 horas, no Centro Social de Afundación de Pontevedra.
A obra, dunha hora de duración, é unha coidada produción musical de Augusto Algueró na que se interpretan nove cancións orixinais de estilos diversos. Un total de 17 personaxes sitúanse en escena nun espectáculo no que se combinan humor, maxia, acrobacias e música.
O guion de La leyenda del unicornio foi adaptado ao cine no ano 2001 e a película foi nomeada aos premios Goya un ano despois como mellor filme de animación. A produtora do espectáculo, Jana Producciones, leva xa 13 anos sobre os escenarios nos que máis dun millón de persoas viron as súas producións e obtivo 43 premios nacionais, entre eles o Max ao mellor musical no ano 2007.
As entradas están dispoñibles en www.servinova.com e o despacho telefónico 902 504 500.