23 promesas de Belas Artes expoñen 'Neste momento', un proxecto conxunto con artistas internacionais
Por Redacción
A Fundación Rac ofrece ata o próximo 13 de decembro a posibilidade de visitar un proxecto expositivo único, 'Neste momento'. Trátase dunha iniciativa elaborada por doutorados da facultade de Belas Artes pontevedresa en colaboración con cinco artistas internacionais de recoñecido prestixio que forman parte dos fondos da Fundación.
O proxecto, realizado nas instalacións da rúa Padre Sarmiento 41, xurdiu da colaboración entre o grupo de investigación MODO da Universidade de Vigo e a Fundación Rac e inclúe o traballo de 23 artistas organizados en cinco equipos de traballo que desenvolveron as súas propostas establecendo un diálogo directo con cinco obras pertencentes aos fondos da colección de Carlos Rosón.
Cada equipo traballou cunha das obras seleccionadas, autoría de Benxamín Torres, Cynthia Gutiérrez, Ernesto Neto, Eva Lootz e Sofía Táboas.
Segundo explican dende o grupo MODO, dende o inicio do proxecto, pretendéronse poñer en marcha estratexias de colaboración, entre artistas e, entre eles e o espazo específico onde van expoñer. Para iso, trazouse un mapa de condicións entre as cales temos o "tempo de exposición", tempo fundamental, pois este será o límite que determine o que aconteza na sala ata a clausura da exposición.
Trátase de resaltar o proceso e sobre todo o cambio durante o tempo que dure a mostra a partir dunha lóxica de "transformación do anterior" e evidencia do "momento presente" o que dará lugar a diferentes "estadios de crecemento" que serán rexistrados periodicamente a partir das modificacións que se vaian sucedendo.
Os comisarios da exposición son Carlos Rosón e Sara Fuentes e os artistas participantes Alba Fandiño, Alejandra Pombo, Alexandre A. R. Costa, Antonio Bonome, Armando Aurélio, Berta Cáccamo, Carlos Suárez, Carlos Trindade, Carlota Salgado, Eugenia Blanco, Helena Guerreiro, Iria Vázquez, Jesús de la Iglesia, Joan Morera, Jorge Santos, José Manuel Vidal, José Ramón Méndez Salgueiro, Liliana Lista, Lucía Romaní, Marta Bran, Olalla Cortizas, Uxía Piñeiro e Víctor-Hugo Costas.
O proxecto conta con Agustín Mora, Antía Rivas, Elena Cota, Marta Cortizas e Ventura Pérez como colaboradores e, paralelamente á mostra, estase a organizar un programa de actividades complementarias que poidan transmitir a especificidade deste proxecto artístico aos distintos públicos, facéndoo crecer á súa vez.