El Gran Wyoming, acompañado por Los Insolventes, amosará a súa faceta musical en Sala Karma
Por Redacción
Actor, presentador de televisión... e músico. En todas estas facetas artísticas destacou o polifacético José Miguel Monzón, máis coñecido como El Gran Wyoming. Coa última delas chega agora á cidade de Pontevedra. Acompañado de Los Insolventes, a súa banda habitual, protagonizará un concerto que se celebrará este venres 24 de outubro, a partir das 22.00 horas, na Sala Karma.
El Gran Wyoming e Los Insolventes rescatan en cada un dos seus concertos grandes clásicos da historia do rock. De Chuck Berry a Jet, pasando por The Who, Rory Gallagher, Frank Zappa, Siniestro Total, Leño, Jet ou Ramones. Un show enérxico, hipervitaminado e realmente divertido, segundo destacan os seus promotores. Unha lección de boa música, apta para todos os públicos, unida ao xenio dun mestre de cerimonias como o artista madrileño.
Este cuarteto, formado por José Miguel Monzón, Miguel Ángel Ariza, José Alberto Solís e Luís de Diego, formouse no ano 2009. Foi despois de que El Gran Wyoming acudise a unha sala de concertos madrileña para propoñerlle este proxecto musical a unha banda que acababa de actuar alí.
Desde entón, percorren de forma habitual toda España dando renda solta no escenario ás influencias musicais comúns dos membros do grupo versionando en clave de rock aos seus artistas favoritos. E todo iso cun único obxectivo, transmitirlle ao público as boas vibracións que teñen eles no escenario.
As entradas para este concerto pódense adquirir en Rei Zentolo Pontevedra, El Pequeño e www.ticketea.com. Teñen un prezo de dez euros por anticipado e doce en taquilla