Volve a Festa do Cine: entradas a 2,90 euros en Vialia os días 27, 28 e 29 de outubro
Por Redacción
El niño, La isla mínima e Torrente 5: Operación Eurovegas son tres das películas que, actualmente, arrasan na billeteira española. Se aínda non as viches, a próxima semana tes unha grande oportunidade para facelo. Volve a Pontevedra a Festa do Cine. As oito salas de Cinexpo, situadas en Vialia, uníronse á sétima edición desta iniciativa que, os días 27, 28 e 29 de outubro, ofrecerá entradas a un prezo de 2,90 euros.
Para participar na Festa do Cine, posta en marcha polas compañías do sector, os usuarios deberán encher un formulario de rexistro en www.fiestadelcine.com.
Unha vez rexistrado, recibirá unha acreditación que deberá imprimir ou levar no móbil para comprar as entradas por 2,90 euros. Non terán necesidade de facelo as persoas menores de 14 anos e os maiores de 60 anos.
A organización ofrecerá tamén a posibilidade de comprar a entrada por Internet e presentar a acreditación no cine. Como novidade, este ano incluíuse unha nova forma para conseguir a acreditación, de tal forma que cunha soa dirección de correo electrónico se poidan acreditar ata un máximo de dez persoas.
A pasada edición da Festa do Cine tivo lugar en abril e permitiu que un total de 1.842.444 espectadores acudisen ás salas nese período, segundo datos do propio sector. Trátase dun 15% máis de asistencia que na edición do ano anterior, e un 206% máis que nos mesmos tres días da semana anterior.