A faceta artística de Castelao, protagonista dunha xornada especial no Museo
Por Redacción
O Sexto Edificio do Museo acolle unha nova xornada centrada na faceta artística de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, dentro das xornadas 'Castelao, de Onte a Hoxe', organizadas pola Deputación, a Real Academia Galega e o concello de Rianxo para conmemorar o octoxésimo aniversario do ingreso do autor na RAG.
O Museo, onde se conserva e difunde boa parte da obra do autor de Rianxo, foi o lugar elixido para analizar o percorrido artístico da súa obra, xa que tamén se organizarán actividades relacionadas coa política e cos seus traballos literarios na Coruña e en Rianxo.
Os actos serán de entrada libre e gratuítos. Comezarán ás 19.00 horas cunha visita guiada ás salas Castelao, situadas no segundo piso do Sexto Edificio e continuarán no Salón de Actos ás 20.00 horas, cunha mesa redonda que moderará o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e na que participarán Miguel Anxo Seixas, Xosé Días e o director do Museo, Carlos Valle.