O ferro escultórico de José Luis Penado amósase no Edificio Sarmiento
Por Redacción
O artista pontevedrés, José Luis Penado, autor da popular figura do Loro Ravachol que se encontra na Praza da Peregrina, mostra dende a noite deste venres 17 de outubro os seus mellores traballos nunha exposición que se poderá visitar ata o 16 de novembro no Edificio Sarmiento do Museo Provincial.
A principal característica deste creador encóntrase na utilización do ferro a través dunha elaborada técnica de soldadura. A transcendencia deste autor da cidade é nacional e internacional xa que os seus traballos forman parte de numerosas coleccións públicas e privadas de diferentes localizacións.
Nesta ocasión, a mostra ofrece un percorrido pola súa traxectoria con obras tanto abstractas como neofigurativas nas que a figura humana e as súas actividades lúdicas e laborais son as principais protagonistas.
Penado iniciou no ano 1967 a súa carreira como escultor cunha exposición en Pontevedra na que mostraba o seu interese polo oficio artesanal da forxa. Entre outros traballos destaca o monumento urbano 'Aí veñen vos mariñeiros' situado na Praza Elíptica da Coruña e 'O monumento á árbore', situado na Praza de Barcelos de Pontevedra.