'A historia de Tomi Ungerer', un documental sobre a vida do ilustrador francés, chega á Casa das Campás
Por Redacción
A Casa das Campás de Pontevedra acolle o próximo xoves 23, a partir das 19.00 horas, a proxección do documental A historia de Tomi Ungerer, escrito e dirixido por Brad Bernstein. Este evento realízase con motivo da recente publicación pola editorial Kalandraka de 'Onde está o meu zapato?' unha das obras clásicas deste autor e ilustrador francés.
O evento está destinado ao público adulto, especialmente docentes, expertos en literatura infantil e xuvenil, profesionais vinculados á ilustración, o deseño e o ensino artístico. Entre os asistentes tamén está prevista a presenza de alumnos da Escola profesional de Banda Deseñada e Ilustración 'O Garaxe Hermético' de Pontevedra, que dirixe Kiko Da Silva.
O documental resume en 94 minutos ás 40 horas de entrevista que Bernstein mantivo con Tomi Ungerer, que repasa a súa vida, as cinco décadas de traxectoria profesional e as súas múltiples facetas creativas, dende a literatura infantil e xuvenil ata os seus traballos máis subversivos de temática política, anti-bélica ou erótica, pasando polas súas incursións en publicada e na escutura.
Pontevedra será o último lugar do ciclo de proxeccións deste documental que foi organizado por Kalandraka ao longo dos últimos meses nas cidades de Madrid, Barcelona, Sevilla e Vigo, para divulgar o traballo de Ungerer.
Entre os seus traballos destacan as súas obras infantís e xuvenís como 'Os tres bandidos', 'Críctor' ou 'Adelaida'. O veterano artista foi galardoado con premios como o Hans Christian Andersen en 1998 ou co Premio Europeo de Cultura en 1999. Recentemente recibiu en Francia a Orde Nacional de Mérito.