Xesús Vázquez respalda en Cotobade o I Certame de Relato Breve 'Nélida Piñón'
Por Redacción
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, respaldou este martes en persoa o I Certame de Relato Breve Nélida Piñón' que ven de ser convocado pola Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Cotobade. Fíxoo a través da súa presenza na casa consistorial cotobadesa para presentar oficialmente este premio literario.
Xesús Vázquez non se limitou a apoiar o premio coa súa presenza na presentación, senón que salientou que este premio "nace para que sintamos o medrar de Galicia, a riqueza que posuímos, e o noso devezo por compartir a nosa cultura".
No discurso do que se fixo eco a Xunta a través dun comunicado, o conselleiro insistiu no compromiso da Consellería de Cultura co impulso da creación literaria en lingua galega e destacou que o galardón "se leva adiante desde tres institución entregadas ao desenvolvemento de Galicia".
Ademais do conselleiro no acto tamén estiveron presentes o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; así como o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela; e a deputada provincial de Cultura de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez.
O obxectivo do galardón é promover a actividade literaria na nosa lingua propia, particularmente no ámbito da narrativa breve, homenaxeando ao tempo á autora brasileira de raíces galegas, que ingresou o pasado día 27 de setembro como membro de honra na Real Academia Galega. Neste sentido cómpre lembrar, ademais, que a escritora ten as súas raíces familiares en Cotobade, motivo polo que foi nomeada filla adoptiva deste concello no ano 2005.
Ao certame poderán concorrer os autores maiores de 18 anos con obras orixinais e inéditas escritas en galego, cunha extensión mínima de 7 folios e máxima de 15. As obras poderanse facer chegar ao Concello de Cotobade tanto por correo postal como por correo electrónico, en ambos os casos xuntando por unha banda a obra co título e o pseudónimo ou lenda escollida polo autor, e por outra os datos persoais do concursante.
O premio estará dotado con 6.000 euros achegados desde a Xunta de Galicia. A propiedade intelectual da obra será do seu autor, se ben o premiado dará o seu consentimento e autorización ao Concello de Cotobade e á Xunta de Galicia para a cesión dos dereitos de reprodución, distribución, difusión, exposición e comunicación pública, sen ánimo de lucro, a través dos medios e soportes que as dúas administracións estimen convenientes.