Os Premios Galegos da Música volven a Pontevedra: entregaranse o 17 de decembro no Pazo da Cultura
Por Redacción
Os músicos galegos volven escoller Pontevedra para entregar os seus premios anuais. O Pazo da Cultura acollerá o próximo 17 de decembro a II edición dos Premios Galegos da Música, galardóns que recoñecen os mellores traballos realizados na nosa terra no último ano. Trátase dunha iniciativa que impulsa a asociación Músicos ao Vivo co obxectivo de visibilizar os proxectos musicais galegos.
A segunda edición desta convocatoria volve dirixirse a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo en 2014, que poden inscribirse ata o 19 de outubro a través da web www.premiosmartincodaxdamusica.com.
Cada proposta poderá optar a unha das 15 categorías concurso: Pop/Indie, Blues/Funk/Soul, Jazz/Músicas improvisadas, Hip-Hop/Músicas urbanas, Música clásica/Contemporánea, Folk, Música tradicional galega, Músicas do mundo, Infantil, Electrónica, Metal, Reggae /Ska/Mestizaxe e Orquestras e música de verbena. Ademais, haberá unha nova modalidade de Canción de Autor e outra de Rock diferenciada da de Blues, Funk e Soul.
Ademais, créanse tres novos recoñecementos á mellor sala, ao mellor festival e ao mellor espazo de comunicación musical baixo o título Premios Organistrum, en referencia a un dos instrumentos que aparecen no Pórtico da Gloria. Volverá outorgarse tamén o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo á traxectoria do músico que elixa a devandita asociación en asemblea extraordinaria.
Agás no caso deste galardón honorífico, que se fará público o 20 de outubro, o resto dos premiados coñecerase o día 17 de decembro durante a gala de entrega que, como o ano pasado, dirixirá e conducirá a compañía teatral Chévere. Antes, o 26 de novembro, revelarase o nome dos tres proxectos finalistas en cada unha das categorías, de xeito que no caso concreto das modalidades por estilos musicais se dará visibilidade a 45 proxectos musicais galegos actuais e en activo.
Os Premios Galegos da Música naceron en 2013 co obxectivo de recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas, así como de descubrir novos talentos e de achegar a música e o seu proceso de produción ao público. Nesa primeira edición, a convocatoria abriuse a un total de 13 categorías a concurso para as que en tan só un mes se recibiron 521 propostas.
Entre os galardoados atopábanse nomes tan coñecidos como Berrogüetto, Narf, Eladio y Los Seres Queridos, Treixadura, Mamá Cabra ou Abe Rábade, entre outros. Como o ano pasado, os gañadores recibirán as estatuíñas dos Melómanos, figuras oficiais dos Premios deseñadas polo artista galego Víctor Lorenzo.