Arume estrea con éxito "A farsa de Bululú", unha sátira política sobre a ditadura, no Sexto Edificio
Por Redacción
Os grupos locais de teatro contan, dende este sábado, cun novo escenario para dar renda solta ao seu inmenso talento. O salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolleu, con grande éxito de público, a primeira obra dun ciclo teatral que se vai desenvolver durante os próximos tres meses. Foi A farsa de Bululú, representada pola compañía Arume Teatro.
A farsa de Bululú é unha obra escrita por Manuel María en plena ditadura. Trátase dunha sátira que fai referencia á situación política durante o franquismo. Toda unha alegación antimilitarista, escrita en clave para evitar a censura da época. Así, tras o Bululú, o Gran Mariscal ou a Raíña Facunda escóndense Franco, Carrero Blanco e outros personaxes destacados do réxime.
Esta farsa, que bebe das fontes satíricas da tradición galego-portuguesa das cantigas de escarnio e maldicir e na que se critica claramente ao exército, tamén ten claras referencias ás obras de Valle-Inclán e de Lorca.
Este ciclo de teatro, que inclúe tres obras das compañías Arume, 105 bicos e Armadiña, é unha proposta das propias asociacións culturais, que solicitaron á Deputación a inclusión desta actividade artística dentro da programación do Museo.
A próxima representación será o próximo 18 de outubro e correrá a cargo de 105 bicos. O ciclo concluirá o 15 de novembro coa obra Saúde Private Hospital, de Armadiña Teatro.
Relacionadas:
-
Volve o teatro afeccionado ao Museo con "Entre nós, mulleres", de Teatro da Zarabándula
Por Redacción |
-
O grupo Armadiña Teatro pechou o ciclo Teatro no Museo coa representación de Saúde Private Hospital
Por Diego Torrado |
-
Ponteatro, aposta do Pazo da Cultura e o Teatro Principal para os xoves de outono
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Museo programa sesións de teatro de grupos locais para os vindeiros meses
Por Redacción |
-
'A Paixón de Cristo' enfróntase á paixón polo fútbol
Por Redacción |