Vilaboa acolle un concerto de fados en galego no espectáculo 'Os Sons do Vento que Pasa'
Por Redacción
Vilaboa acollerá un espectáculo de cantigas cantadas en galego acompañadas de guitarra eléctrica e de pedal de loops, así como de xogos de iluminación. Trátase de cantigas tradicionais, pero con toques contemporáneos para chegar a todos os públicos, incluídos os máis novos, segundo se explica dende a organización.
O espectador poderá gozar dun universo rítmico e melódico que viaxa por variedade de xéneros musicais e temáticas, sen deixar de escoitar un tradicional fado.
A cita será este sábado 20 na Casa de Cultura de Riomaior coa actuación de Gonzalo Guerreiro como vocalista e con Dani Pais, encargado de adornar a súa actuación con colaboracións dixitais e musicais.
O concelleiro de Cultura de Vilaboa, Tomás Boullosa, entende que este é un concerto de fados cantados en galego que está dirixido a todo o público de diferentes idades e que busca demostrar que calquera tipo de música pode ser cantada na lingua propia.