"Dura Lex", unha divertida crítica ao sistema xudicial; teatro na Casa da Cultura de Lérez
Por Redacción
O teatro galego volve á Casa da Cultura de Lérez. Será coa obra Dura Lex, representada pola compañía Volta e Dálle. O espectáculo propón unha crítica ao sistema xudicial vixente, sempre en clave de humor. Poderase ver este venres 19 de setembro, a partir das 20.30 horas.
A obra está escrita e dirixida por Carlos Santiago e protagonizada polo actor Pepe Penabade (Padre Casares, Matalobos), que encarna a un xuíz expulsado da maxistratura que presenta un invento para suplir os elementos prescindibles do aparello xudicial.
Entre as variadas prestacións do invento destaca a súa axilidade no procesamento de condutas delitivas, a súa economía de medios facilitada pola supresión de fiscais, avogados, procuradores e outros roles xurídicos, e a súa irreprochable imparcialidade mecánica.
Ante a urxencia de reformas e recortes no eido xudicial, sancionada pola crise e a política gubernamental, o xuíz ofrece á sociedade a solución perfecta a todas as imperfeccións do sistema xudicial.
Carlos Santiago asina un texto acedo, no que se combinan as alusións á actualidade con reflexións máis filosóficas arredor do concepto de Xustiza e do papel dos membros do corpo xudicial. Comba Campoy apoiou na dirección e na produción deste monólogo, mentres que o atrezzo correu a cargo de Pancho Lapeña.
A función está organizada polo Concello de Pontevedra e a comunidade de montes de Lérez.