Cotobade convoca o I premio literario de relatos breves Nélida Piñón
Por Redacción
Promover a actividade literaria, especialmente neste municipio, homenaxeando ao tempo a Nélida Piñón, filla adoptiva de Cotobade desde o ano 2005. ÿ o obxectivo co que se convoca o I premio literario de relatos breves que leva o nome da escritora brasileira. Trátase dunha iniciativa impulsada polo Concello de Cotobade e no que colaborarán a Consellería de Cultura e a Deputación de Pontevedra.
A achega do goberno galego concretouse nun encontro que mantiveron este xoves o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e mais o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela.
Ambos recordaron que a escritora ten as súas raíces familiares en Cotobade, polo que cren que será unha boa homenaxe para ela. Chega días antes de que Nélida Piñón ingrese na Real Academia Galega como membro de honra. Será nun acto que terá lugar o próximo día 27 de setembro. Tres días despois presentarase oficialmente este premio literario.
O premio literario de relatos breves nace baixo o nome desta autora de relevancia internacional, premio Príncipe de Asturias no 2005, que foi ademais a primeira muller no mundo que presidiu unha academia da lingua, a Academia Brasileira das Letras, en 1996. Nélida Piñón foi ademais distinguida como doutora honoris causa por diversas universidades e e a súa traxectoria literaria foi recoñecida con importantísimos premios literarios.