O Museo conmemora cun ciclo de conferencias o centenario do pasamento de Victor Said Armesto
Por Redacción
Cunha conferencia do seu director, Carlos Valle, o Museo de Pontevedra iniciará este martes 16 un ciclo de relatorios co que se pretende conmemorar o centenario do pasamento de Víctor Said Armesto, "figura esencial para entender o momento máis destacado da historia contemporánea de Pontevedra e de Galicia" como é "o tránsito do século XIX ao XX".
Así o puxeron de manifesto este luns a deputada provincial Ana Isabel Vázquez e o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle.
As actividades organizadas pola Deputación e que darán comezo o martes forman parte dun programa máis amplo que inclúe tamén actos en A Coruña e Santiago e que se desenvolve en colaboración coa Fundación Pedro Barrié de la Maza (depositaria de moitos fondos de Said Armesto, doados á esta entidade pola súa filla en 1992) e do Museo do Pobo Galego.
A relación de Said Armesto coa Sociedade Arqueolóxica, como estreito colaborador de Casto Sampedro, e a súa influencia na sociedade pontevedresa do momento é o tema que abrirá este ciclo de conferencias.
A conferencia de Carlos Valle no Sexto Edificio do Museo seguiralle a ponencia de José Antonio Durán sobre A singularidade dos Armesto na vida pontevedresa, que terá lugar no mesmo salón de actos do Sexto Edificio o mércores, 17. Ao día seguinte, 18 de setembro, José Luis García-Velasco abordará a relación entre Said Armesto e a Pontevedra finisecular.
A semana pecharase coa presentación do documental Víctor Said Armesto, o resplandor efémero, de José Antonio Durán, que terá lugar o venres, 19 de setembro.
As actividades continuarán na semana do 23 de setembro con outras tres conferencias: Os espazos de Víctor Said Armesto: ideoloxía, xerarquía e poder na arquitectura pontevedresa, a cargo de Marías Ángeles Tilve Jar, o día 23; Pontevedra. O son da cidade nos inicios do século XX, por Luis Costa Vázquez, o día 24; e Said Armesto e Casto Sampedro, na procura dunha "ribeirana", que pronunciará Carlos Villanueva o día 25 de setembro.
En todos os casos, as conferencias serán no Sexto Edificio do Museo ás 20,00 horas.
Para completar a conmemoración do centenario, a Deputación organiza dous concertos que terán lugar os días 27 e 30 de setembro ás 20,00 h. no Sexto Edificio e que correrán a cargo de Cántigas da Terra e Iria Cuevas e Alejo Amoedo, respectivamente.
Trátase de achegarse a outra das materias que centrou o interese de Said Armesto ao longo da súa vida, como é a música. Non en van, e tal e como sinalou Carlos Valle, este polifacético pontevedrés foi coautor, xunto a Casto Sampedro, do Cancioneiro musical de Galicia, que en 1911 resultou premiado pola Real Academia de Belas Artes de San Fernando.
AMPLA EXPOSICIÿN
Carlos Valle e Ana Isabel Vázquez incidiron en que esta conmemoración pretende afondar nunha figura clave na historia de Pontevedra e que, sen embargo, "non ten sido o suficientemente recoñecida".
Vázquez Reboredo subliñou que se trata "dunha persoa excepcional, primeiro catedrático de literatura galego-portuguesa e autor polifacético" que, malia á súa morte prematura, con tan só 43 anos, foi, en palabras de Carlos Valle "un home de bastos coñecementos, moi precoz e que igual se interesaba por cuestións de literatura, de filoloxía, de historia, de filosofía, de música...".
Para abarcar a ampla produción e o pensamento desta relevante figura organizarase tamén unha completa exposición con fondos procedentes da Fundación Pedro Barrié de la Maza, da Universidade Complutense de Madrid, da Residencia de Estudantes e "de todos os centros nos que hai datos significativos da vida e obra de Said Armesto".
A mostra terá carácter itinerante e exhibirase en A Coruña e no Museo de Pontevedra, a onde chegará en 2015, para pechar os actos do centenario do pasamento de Said Armesto.