A música da Banda de Salcedo, ao alcance dos máis pequenos da casa
Por Mónica Patxot
Achegar os máis novos ao mundo da música. Ese foi o obxectivo da sesión musical que alumnos de Educación Primaria de varios colexios de Pontevedra compartiron no Teatro Principal. Sobre o escenario, os membros da Banda de Música de Salceldo, que impartiron dous concertos didácticos cos que entretiveron aos rapaces.
Un repertorio variado e moi movido, combinado cunha explicación sobre os distintos instrumentos, cativou a un público entregado á música e ás continuas pingas de humor que salpicaron o espectáculo.
A xornada estivo repartida en senllas sesións a partir das 10.00 e as 11.30 horas da mañá. Asistiron os alumnos do colexio Álvarez Limeses, Campolongo, Barcelos, Froébel, Cabanas e da Asociación Juan XXIII.
Preto de 500 rapaces participaron nesta iniciativa, organizada pola Concellería de Educación. Colocouse esta actividade xusto ao comezo das vacacións de verán para reforzar unha época na que non adoita haber moitas actividades complementarias.
A actividade, que tamén forma parte dos actos de conmemoración do 25 aniversario da Banda de Música de Salcedo, celébrase por segundo ano despois de que o primeiro, nas mesmas datas do ano pasado, rexistrara un grande éxito e un alto nivel de satisfacción entre o profesorado.