Skirl, Skandalo Gz, A compañía do ruído, Liska! e Djlaese, cartel do Festimar de Marín
Por Redacción
Skirl, Skandalo Gz, A compañía do ruído, Liska! e Djlaese, cinco grupos novos, encherán de música este sábado 13 de setembro o paseo Antonio Blanco de Marín. Conforman o cartel musical da terceira edición do festival Festimar.
O festival, que terá entrada de balde, celebrarase a partir das 21.30 horas e incluirá un sorteo presencial de dúas entradas para o concerto de Extremoduro en Vigo o día 10 octubre. Durante os concertos tamén se coñecerá a rifa gañadora de 80 euros para gastar en comercios asociados a Estrela de Marín.
Os primeiros en sair ao escenario serán os pontevedreses Skirl, que actuarán entre as 21.50 e as 22.40 horas. Son un grupo de catro mozos pontevedreses que veñen de gravar o seu primeiro traballo discográfico, un álbum do que se editaron 200 copias e que se caracteriza polas influencias do grunge dos 90 e o estilo hard-rock. Foron os gañadores do concurso de grupos feito a través da páxina de Facebook do festival.
A partir das 22.55 e ata as 00.10 horas será o turno de Skandalo GZ, un grupo de estilo punk-ska que se caracteriza polas súas letras reivindicativas. A compañía do Ruído (00.25-01.55), Liska! (02.10-03.30) e o Dj Djlease, integrante de Delahoja (03.45 ata peche) pecharán esta cita musical organizada por un grupo de mozos de Marín.