Máis actividades e unha maior divulgación pola Internet, claves da nova etapa do CITA
Por Alejandro Espiño
Dende o pasado 21 de xullo, a empresa Etnoga é a encargada de xestionar o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA). Farao durante un ano, prorrogable por outro máis. E dende entón, segundo explica o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luis Bará, notouse unha tendencia á alza no número de visitantes. Durante o mes de agosto visitaron as instalacións 291 persoas, un 30% máis que no mesmo período de 2013.
Un de cada dous visitantes foi da propia cidade de Pontevedra, mentres que un 15% procedían do resto de Galicia, especialmente da comarca de Pontevedra pero tamén de Ourense, Lalín, Monforte ou A Coruña. Ademais, un 25% foron turistas chegados doutros puntos do Estado, sobre todo de Castela e León, Madrid e Andalucía; mentres que o resto foron de nacionalidade estranxeira, maioritariamente de Francia e Hispanoamérica.
Estes datos, sinalou Luis Bará, reflicten unha liña "ascendente e consolidada", o que leva a que o goberno municipal crea que o centro "vai ter un maior potencial". Por iso, dende a empresa Etnoga e o Concello de Pontevedra farase unha aposta moi importante por potenciar a difusión do centro, reforzando a sinalización exterior e a promoción a través de Internet e as redes sociais.
Neste sentido, no mes de setembro comezarán a programarse unha serie de actividades de divulgación para conseguir atraer máis público ao centro. Entre elas, destaca a convocatoria que se realizou a todos os centros escolares de Galicia para que visiten o CITA ou a aposta pola organización de ciclos e conferencias de divulgación histórica.
Ademais, Luis Bará e a representante da empresa Etnoga, Carmela Sánchez Arines, anunciaron que en outubro se organizará unha xornada de portas abertas para celebrar o cuarto aniversario do centro, inaugurado en outubro de 2010. Nel, invitarase a todas as asociacións da cidade a visitar gratis o CITA e organizarase unha festa popular para facer partícipes a todos os pontevedreses desta efeméride.
Neste mes de setembro, o seu horario de apertura será de mércores a domingo de 11:00 a 14:00 horas e venres e sábados de 18:00 a 21:00 horas. Estará pechado os luns e os martes. A súa entrada ten un prezo de dous euros por persoa, pero conta cun pagamento reducido dun euro para diferentes colectivos. ÿ gratuíto para os menores de oito anos.
Para poder visitalo hai que facer unha reserva previa. Pode realizarse a través do número de teléfono 986 09 06 77, do correo electrónico citapontevedra@gmail.com, ou ben na recepción do centro durante os días de apertura.
Toda a información sobre o CITA reúnese nun blog que acaba de poñerse en marcha: citapontevedra.wordpress.com. Ademais, abríronse contas en Facebook e Twitter.