A crítica literaria escolle Pontevedra para fallar os seus premios
Por Redacción
21 críticos literarios das publicacións máis importantes de España reuniranse en Pontevedra entre o 16 e o 18 de abril de 2015 para decidir as obras que obterán os prestixiosos Premios da Crítica Literaria tanto en poesía coma en narrativa publicados en territorio español nas linguas oficiais do Estado (castelán, galego, catalán e euskera).
O presidente da Asociación Española de Críticos Literarios, Anxo Basanta, e representantes da sección en Galicia reuníronse co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e coa concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, para concretar detalles deste encontro para o que aínda se descoñece en que espazo da cidade se vai desenvolver. Apuntaron que a selección da cidade para esta xuntanza tivo que ver co interese amosado dende o Concello e pola tradición literaria de Pontevedra por onde pasaron autores da categoría de Valle Inclán, Torrente Ballester o Freixanes.
Os Premios da Crítica Literaria remóntanse ao ano 1956 e son, segundo o presidente, os premios literarios de máis categoría en España a pesar de non estar dotado economicamente. Entre os gañadores encóntranse nomes como o de Miguel Delibes, Camilo José Cela, Torrente Ballester, Ana María Matute, Muñoz Molina, Vargas Llosa, Carlos Fuentes, Juan Carlos Onetti, Vicente Aleixandre, Celso Emilio Ferreiro, Yolanda Castaño, Méndez Ferrín, Víctor Freixanes ou Manuel Rivas.
Segundo afirmaba Anxo Basanta "é imposible facer historia da literatura en España sen facerreferencia a estes premios" e engadiu que este galardón outorga moito prestixio aos autores. "ÿ o único premio que nunca foi anticipado pola prensa", ironizou Basanta que se mostrou crítico con outros premios literarios de carácter "comercial".
Con motivo deste encontro, o sector galego da asociación ten previsto organizar unha exposición ademais dunha visita pola Pontevedra literaria e a publicación dunha revista ou dun libro colectivo sobre a cidade.