El Consorcio pon fin a nove días de concertos das Festas da Peregrina 2014
Por Redacción
Nove días despois, as Festas da Peregrina 2014 botaron o cadeado. Atrás quedan dúas fins de semana e unha Semana Grande marcadas pola alta participación en todas as actividades e por unha programación musical que conseguiu colgar o cartel de completo nas prazas de España e A Ferrería case todas as xornadas. O grupo El Consorcio foi o encargado de poñer o broche de ouro e fíxoo cunha actuación para a que xa dúas horas e media antes había xente gardando sitio nas cadeiras instaladas na praza de España.
Pasaron polo escenario situado ante a antiga Casa Consistorial Soziedad Alkoholika e Vortex, Duncan Dhu, Love of Lesbian, o espectáculo de Máxima FM, Milladoiro, Efecto Pasillo, Antonio Orozco e El Consorcio, aos que hai que sumar os Back Stones e Sés nas táboas da Ferrería. El Consorcio foi o último dos plans propostos e o único para o que o Concello habilitou cadeiras para o público. Non por unha cousa nin pola outra quedouse atrás en canto á entrega dos espectadores.
Dez minutos de actuación, catro cancións e moitos aplausos despois de saír ao escenario, os artistas saudaron os pontevedreses. Con cancións tranquilas das distintas épocas da súa carreira musical, xa os conquistaran. A partir de aí empezarían a soar os seus temas máis famosos e chegarían as referencias á praza na que tocaban, que mesmo se coaron nas súas letras cando cantaron "las chicas de Pontevedra tienen una buena...".
O público permanecía sentado, pero tareaba sen parar algunhas das súas cancións máis míticas. 'Palabras de Amor', 'La llamaban loca', 'Cucurrucucú Paloma' ou 'Esta tarde vi llover' coáronse no repertorio do concerto e lograron que algúns se puxesen xa de pé. Mesmo unha das compoñentes do grupo, Amaya Uranga, se animou a bailar a pesar de que empezou o concerto sentada e acompañada dunha muleta. O apoio serviulle mesmo de 'guitarra' improvisada para apoiarse nas súas interpretacións.
O público que ao inicio do concerto ocupaba pouco máis alá das cadeiras instaladas pola organización foi aumentando a media que ían soando as cancións e media hora despois a praza de España xa estaba ata os topes, con público de pé a ambos os dous lados e cara ao fondo do recinto, Montero Ríos e as rúas Riestra e Michelena. O sitio privilexiado conservárono os que xa sobre as oito da tarde ocuparan as cadeiras da primeira fila.