Adrián Saavedra e a Banda de Música de Pontevedra buscan "mecenas" para o seu The Rock Band Show
Por Alejandro Espiño
1.500 euros. ÿ a cantidade que pretende recadar o compositor pontevedrés Adrián Saavedra para editar en DVD un dos seus concertos. Trátase de The Rock Band Show, interpretado o pasado 17 de decembro de 2011 no Pazo da Cultura e que contou con colaboración da Banda de Música de Pontevedra. E para conseguir o diñeiro apuntouse a unha crecente tendencia no mundo da cultura, o "crowfunding".
Calquera persoa pode colaborar co proxecto achegando unha pequena cantidade económica para que este DVD poida editarse en formato físico. As achegas, que oscilan entre os 15 euros e os 1.500 euros que custa a edición completa, permiten ao doante converterse en "mecenas" de Adrián Saavedra e a Banda de Música de Pontevedra e o seu nome quedará reflectido nos agradecementos do concerto.
The Rock Band Show foi un concerto realizado en Pontevedra baixo a supervisión técnica de son de Ramón Campos e gravada en vídeo pola empresa VisualQ de Ourense. Trátase dun espectáculo que pretende unificar dous mundos diferenciados, o mundo das bandas de música populares e, en contraposición, os grupos de música moderna, tales como pop-rock, soul, funk ou jazz.
Entre os músicos que forman parte do grupo de música moderna, contaron con figuras de renome dentro do panorama musical galego, como a cantante Carmen Rey, o baterista Miguel Cabana, Carlos Calviño á guitarra eléctrica, Octavio Vargas no baixo, Nastasia Zürcher nos coros e o propio Adrián Saavedra na composición e piano.
"ÿ tratarse dun proxecto ambicioso e de gran envergadura, así como a gran acollida do proxecto por parte do público, dende a Banda de Música de Pontevedra xorde a proposta de plasmar este concerto nunha gravación en directo", explica Adrián Saavedra, quen avanzou que o proxecto atópase en fase final de masterización de audio e vídeo.
Tanto foi o éxito desta iniciativa que, en apenas uns días, lograron reunir gran parte dos 1.500 euros que necesitan para editar o DVD. En total, 42 persoas realizaron as súas achegas económicas e unha delas ata doou 500 euros. En todo caso, aínda hai tempo para colaborar co proxecto. Estes "patrocinios" poden realizarse a través da plataforma Verkami ata o próximo 4 de decembro.