Un espectáculo itinerante de música e humor animará o sábado noite de Sanxenxo
Por Redacción
Unha proposta musical de jazz, rock&roll, dixie e funk mesturada con gags humorísticos e divertidas coreografías animará a noite do próximo sábado 2 de agosto en Sanxenxo. O grupo A Magnifique Bande dos Homes sen Medo realizará unha actuación itinerante nas prazas dos Barcos, Pascual Veiga e Portugal a partir das 22.30 horas.
A actuación suporá unha viaxe a través do tempo entre Duke Ellington e Frank Zappa facendo paradas nos Skatalites ou en Charlie Mingus. Esta banda comezou a súa andaina en 2007 e dende entón xa percorreu as rúas das cidades e pobos galegos en 50 ocasións. Está formada por Álvaro Trillo, Miguel Paz, ÿscar 'Bochu' Barcala, Abel Leonardo, Álex Salgueiro, Manuel Espiño, Martiño D. Mato, Manuel Paino e Olivier Cano.
O venres día 1 de agosto a noite estará animada polo espectáculo de maxia do ilusionista galego Pedro Volta. Será na praza dos Barcos a partir das 22.00 horas e durante 60 minutos os espectadores trasladaranse ao mundo da fantasía e dos sonos da infancia, protagonizando ademais algunhas das ilusións das que gozarán durante esta actuación, chegando mesmo a levitar.
Coñecido pola súa xa ampla experiencia profesional, Pedro Volta chegará a Sanxenxo tras finalizar unha xira por Australia promovida pola Embaixada Española e o Instituto Cervantes. Ademais, no último ano traballou para Vanity Fair e Seat e colaborou en numerosos programas de televisión.