Marlango, aperitivo dun agosto con Sidonie, Delafé, Albert Pla ou Ariel Rot no Náutico do Grove
Por Alejandro Espiño
Marlango, o grupo madrileño liderado pola actriz Leonor Watling, actuará esta noite (01.00 horas) no Náutico de San Vicente do Mar (O Grove). ÿ o prato forte da programación do local para este mes de xullo. A banda, que deu o salto de cantar en inglés ao castelán co seu último traballo Un día extraordinario, fará un repaso a toda a súa discografía na que se adiviñan influencias do jazz e do blues.
Este concerto, no que Marlango avanzará probablemente algún tema do disco que editarán no outono, servirá como aperitivo dunha oferta de concertos para o mes de agosto que volve reunir a grandes nomes do panorama musical español. Durante as próximas semanas, entre outros, irán pasando polo escenario do local bandas e artistas como Sidonie, Delafé y las flores azules, Albert Pla, Ariel Rot, León Benavente ou Andrés Suárez.
Agosto inaugurarao O'Hara & The Southfish o venres día 1. Trátase dun grupo liderado polo ecuatoriano-irlandés John O'Hare, un guitarrista que se move como peixe na auga entre o folk e o pop, entre o indie e o country. Tomará o relevo o catalán Albert Pla, o sábado 2 de agosto, que fará un percorrido polas súas mellores cancións contando coa complicidade do sorprendente e xenial guitarrista xitano Diego Cortés.
Sidonie actuará en San Vicente do Mar o luns 4 de agosto. A banda catalá, unha das máis aclamadas no recente festival PortAmérica, regresan a O Grove para presentar o enérxico directo da súa xira de presentación do disco Sierra y Canadá. Tras eles, o local reservará catro días para o seu tradicional evento Laboratorio N, que chega á súa sexta edición, un ciclo musical no que as sorpresas están á orde do día.
O domingo 10 de agosto será a quenda de Delafé y las flores azules, un dos dúos máis exitosos do indie español. O grupo catalán, aínda de xira co seu disco, De ti sin mí - De mí sin ti, demostrarán unha vez máis un directo ao alcance de moi poucos. Tres días máis tarde actuará León Benavente, unha banda que revolucionou a escena independente española co seu primeiro disco homónimo.
O avance desta programación para o mes de agosto, que aínda non está completa, péchase co concerto de Ariel Rot, ex compoñente dos Rodríguez, que actuará o 14 de agosto; e co cantautor galego Andrés Suárez, xa un clásico do Náutico de San Vicente, a cuxo escenario subir unha semana despois do arxentino, o xoves 21 de agosto. The Corner (22 de agosto) e Anaut (23 de agosto) tamén pasarán polo local.
Relacionadas:
-
Así se vivirá agosto no Náutico do Grove: 45 concertos en 29 días
Por Redacción |
-
O Náutico do Grove despide o verán con Coque Malla, Sés, Full ou Novedades Carminha
Por Alejandro Espiño |
-
DuMMie, banda que fusiona jazz e pop: "O noso disco ten alma galega. Foi aí donde se creou"
Por Alejandro Espiño |
-
La Habitación Roja, encabeza un festival que fusionará música e catas de viño no Náutico do Grove
Por Alejandro Espiño |