Da Universidade ao Museo: 16 artistas emerxentes expoñen a súa obra no Sexto Edificio
Por Redacción
Dezaseis artistas da cuarta promoción do Máster universitario en arte contemporánea gozan desde este xoves dunha oportunidade única. Expoñen a súa obra no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Instalacións, vídeos, libros de artista, debuxos ou esculturas son só algunhas da pezas coas que se atopará todo aquel que acuda a visitar unha mostra que estará aberta ata o vindeiro 31 de agosto.
Comisariada polo profesor Ignacio Barcia, a mostra acolle "desde traballos moi conceptuais a obras socialmente comprometidas ou pezas realizadas desde unha visión moi contemporánea e aberta das técnicas e dos materiais", sinala o seu responsable. Son artistas emerxentes, dez mulleres e seis homes de diferentes idades e procedencias, que dan boa mostra dos novos valores que buscan facerse oco no panorama artístico.
"Desde fóra pode verse como unha exposición de artistas que comezan a súa andadura profesional e desde dentro como unha proxección externa do traballo realizado durante os seus estudos", subliñou Barcia, que fixo fincapé en que estes artistas conviviron durante un ano e realizaron os seus traballos "man a man", aprendendo xuntos uns dos outros e, aínda así, as obras son moi diversas e están feitas desde puntos de partida moi distintos.
Entre os artistas mestúranse os que por idade xa teñen certa experiencia con aqueles que pese a facer pouco tempo que finalizaron os seus estudos de grao ou licenciatura, están a desenvolver un intenso traballo. Se ven a maior parte dos artistas proveñen da propia facultade pontevedresa, tamén hai artistas de fóra da comunidade galega.
A mostra está composta polas obras de Elisa Terroba, Sylvia Peceño, Román Corbato, Yolanda Ríos, Nilo Arias, Roberto Álvarez Gregores, Isabel Cáceres, Yulema Capeáns, Iria Cortizo, Dana Díaz, Roi Domínguez, Malú Feijóo, Víctor García Ulla, Anaí Lago, Elisa Terroba e Adrián Taracido.