Promoven un curso de encadernación clásica artesanal en Raxó
Por Redacción
Aprender a encadernar de xeito clásico e artesanal é a proposta que se vai desenvolver nun curso que se iniciará o 6 de setembro no Centro Cultural Xaime Illa Couto, cunha duración de tres meses.
O taller busca fomentar entre os mozos o antigo oficio de encadernador que está a desaparecer coa presenza das novas tecnoloxías. Desta forma, preténdese que os usuarios, a través de demostracións e prácticas dirixidas, se introduzan nas técnicas clásica e artística dos módulos, co obxectivo de incentivar as capacidades persoais de cada alumno.
O contido do curso, promovido pola concellería de Cultura de Poio, consiste no manexo do taller e das medidas de seguridade necesarias, a demostración e a práctica na elaboración do libro-arte empregando técnicas de encadernación clásicas.
As clases será dun día á semana durante un trimestre, os sábados pola mañá e o prezo por alumno, material incluído é de 25 euros mensuais para os socios da SCD de Raxó e de 30 euros ao mes para o resto.
O prazo de inscrición xa está aberto na biblioteca da SCD de Raxó onde se pode ver unha exposición de traballos realizados no último curso de encadernación realizado nas instalacións.