Culturgal agasallará música en vivo
Por Redacción
18 actuacións en directo e 13 presentacións de traballos musicais será a proposta que o Culturgal presente a vindeira fin de semana no Pazo da Cultura con entrada libre e gratuíta. A Feira das Industrias Culturais ofrecerá o lanzamento de novas bandas e de iniciativas musicais.
Haberá música de todas as disciplinas e para todos os públicos, desde o máis moderno como El Trapicista, de Erin Comando Katana, ata o folk dos Irmandiños de Vincios, pasando polo rock de Martelo, a música de raíz do Vámola Alboreando, a festa destilada de Linho do Cuco, o humor musicado de Os da Ría ou a tradición reinterpretada de Enrique Paisal, que retomará a Los Tamara en clave de piano, clarinete e voz. Sen olvidar aos máis cativos da casa, que poderán subirse ao tren De María Fumaça, gozar coa reinterpretación que fai a cantante María Inés Cuadrado da Berenguela de Manuel María ou achegarse ao novo traballo multidisciplinar de Mamá Cabra, Bicos de música.
A Feira tamén dará boa conta do dinamismo do sector, coa presentación de novos grupos e propostas como Balakandra, Virandeira Folk, Flip Corale y Los Macabros, A Máquina do Tempo, a Factoría de Subsistencia de Josito Porto ou o Martelo de Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Max Gómez. A cantante Uxía achegará dúas boas propostas de traballo multidisciplinar, ademáis da xa mencionada María Fumaça: Andando a Terra, un disco que pon música aos poemas de Manuel María e Cantigas de Muller, un compendio das voces femininas. Ademais, presentará o décimo aniversario de Cantos na Maré, a cita anual obrigada coas músicas da lusofonía.
A Fundación Autor tamén ofrecerá na Feira un adianto da súa Semana de Autor 2012 cunha selección de novos talentos musicais galegos.
- Vídeo en Youtube, subido por meigalho, de Linho do Cuco: