Da infancia á madurez. Aramburu
Por Oskar Viéitez
"Estou coma un neno con zapatos novos" admite o pintor, Manuel Aramburu. Desde cativo colaboraba co Museo e xa entón "vía os cadros dos grandes artistas e soñaba esperanzado poder estar aquí".
Da infancia a madurez. Aramburu. ÿ o título da exposición que acolle o Sexto edificio do Museo de Pontevedra e que poderá visitarse ata o 20 de xaneiro de 2013.
Supón unha homenaxe a Manuel Aramburu, vinculado á cidade de Pontevedra tanto en vida como obra.
Trátase dunha mostra antolóxica "sacáronme as vergonzas á rúa, hai cadros meus de cando eu tiña oito anos", chancea o pintor.
A obra de Manuel Aramburu non pode chegar a entenderse por completo sen coñecer parte da súa vida.
Como outros grandes pintores, o seu nacemento a finais dos anos 30 faille enfrontarse a unha época de postguerra trala Guerra Civil que marca tanto o seu proceso vital como pictórico.
Nacido en León o 8 de abril de 1936, iniciou a súa aprendizaxe no mundo da pintura en Pontevedra, cidade á que a súa familia tivo que emigrar, logo do seu nacemento, a raíz da citada guerra.
Aramburu é un dos grandes mestres da pintura actual de Galicia, pertencente á chamada "xeración de vangardas e silencios", formada por un grupo de artistas que desenvolveron a súa actividade creativa a partir da postguerra española.
ÿ posterior, polo tanto, a artistas como Manuel Colmeiro Guimarás ou Laxeiro e anterior á nova escola artística galega, marcada quizais a partir da experiencia "Atlántica" nos anos 80.
"A miña pintura nunca se cotizou como para pagar grandes cantidades de diñeiro por ela. Non sei porque motivo valórase máis o traballo dun pintor que o dun zapateiro", apunta estrañado.
O promotor e presidente da Fundación Camiño Portugués, Celestino Lores, é o comisario desta exposición composta por obras procedentes de distintas coleccións públicas e privadas "a antoloxía supón unha oportunidade para o espectador de coñecer a obra e traxectoria de Aramburu, que do mesmo xeito que sucedeu con outros pintores da súa xeración, non tivo o recoñecemento e proxección que merecía".
Por feliz decisión do comisario da exposición, esta alcanza a época de nenez do pintor, dándolle así un carácter retrospectivo que permite coñecer en profundidade e plenitude a evolución da súa obra.
En total exhíbense 193 obras das que un bo número están pintadas nos anos sesenta.
Reunir no seu conxunto a obra de Aramburu, producida ao longo de máis de 60 anos, foi o froito dun gran esforzo que toda persoa con inquietudes artísticas non debe deixar de visitar, pois constitúe un evento cultural de gran calado para a arte galega contemporánea.