Dakidarría, cabeza de cartel dun Armadiña Rock que se celebrará en Combarro o 22 de agosto
Por Redacción
O festival Armadiña Rock, que se celebra cada verán en Combarro (Poio), comeza a dar os seus primeiros pasos. E faino confirmando á banda que será cabeza de cartel na edición deste ano, que se celebrará o venres 22 de agosto. Será Dakidarría, un grupo de Nigrán que leva máis dunha década ofrecendo unha enérxica proposta musical na que combinan ska, reggae e punk-rock festivo e combativo.
Nesta sexta edición do festival, Dakidarría ofrecerá unha descarga de festa e compromiso que leva dez anos poñendo o público a bailar, a pensar e a soñar cun directo electrizante. Dakidarría logra un son fresco, divertido e desenfadado coa súa particular fusión musical.
Fano con cancións coas que se poñen ao servizo das loitas sociais: os dereitos da muller, os dereitos lingüísticos, a solidariedade internacional e a guerra contra o pasotismo, o individualismo, o consumismo e a manipulación da prensa.
A confirmación de que esta banda galega será este ano cabeza de cartel chega a través das redes sociais do festival. Os seus organizadores, a ACDM Armadiña de Combarro, prometen máis novidades nas próximas semanas.
De novo, o Armadiña Rock celebrarase, salvo imprevisto de última hora, na Praza da Chousa de Combarro. A entrada é libre.