Bertín Osborne e Arévalo, á conquista de Pontevedra a golpe de rancheiras e chistes
Por Alejandro Espiño
Quen quere a Arnold Schwarzenegger e Danny DeVito cando temos a Bertín Osborne e Paco Arévalo? Iso pensarán os promotores do novo e inenarrable espectáculo de ambos artistas. Trátase de Más mellizos que nunca, unha obra teatral cargada de humor e música que se representará no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra o próximo 14 de decembro ás 20:00 horas.
Arévalo fíxose famoso cos seus chistes de "gangosos e mariquitas", dos que chegou a gravar unha trintena de cassettes. E a Bertín Osborne coñecémolo como presentador de televisión e cantante. Agora, ambos xuntan as súas forzas e o seu talento neste novo espectáculo. Cunha posta en escena que a moitos recordaralles a película Os xemelgos golpean dúas veces, o cantante e o humorista van contando diversas historias coas que pretenden facer rir ao público.
Estes dous showman, que dominan o escenario e coñecen á perfección o negocio do showbusiness, aclárano no primeiro minuto: non é un musical, non é unha obra de teatro, non é un vodevil. ÿ un intre agradable con dúas figuras do espectáculo. A idea de dar vida a esta obra foi de Bertín e Paco encargouse de organizalo todo para que o espectáculo saíse adiante. Nel, únense grandes doses de entretemento e risas que teñen un fío condutor: o parentesco entre os dous protagonistas.
Nela, ambos describen como foi o seu parto e o "evidente" parecido físico e xenético que lles une. A improvisación ao longo de toda a obra está asegurada e a isto axuda, sobre todo, que os monólogos que nela se contan non son inventados, senón que son autobiográficos, revelando pasaxes desternillantes da vida de Bertín e tamén da actualidade televisiva.
Hai unha evolución en cada un deles ao longo da función na que terminarán intercambiándose os papeis: Bertín comeza cantando as súas máis coñecidas rancheiras, acompañado por Franco Castellani ao piano, para terminar como cómico, mentres que Paco Arévalo empeza contando os seus graciosos chistes e sorpréndenos, ao final, cantando.
As entradas para asistir á representación de Más mellizos que nunca xa están á venda. Teñen un prezo que oscila entre os 26 e os 30 euros e pódense adquirir a través de Servinova, o despacho de billetes electrónico de Novacaixagalicia.