A libraría Paz acolle o venres a presentación oficial do novo libro de Miguelanxo Prado
Por Redacción
O recoñecido autor internacional de banda deseñada e Premio Nacional do Cómic 2013 Miguelanxo Prado escolleu Pontevedra para presentar de xeito oficial o novo libro que ven de ilustrar, O dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba, que xa está nas librarías pero o seu autor non o presentará ata este venres 25 de abril.
Miguelanxo Prado asinará exemplares do novo libro que ilustrou, adicado ao público infantil, e conversará cos lectores a partir das 20.00 horas na libraría Paz. No acto estará acompañado de Fausto Isorna, editor de El Patito Editorial.
Na edición en galego, que chega da man de El Patito Editorial, Miguelanxo Prado ilustra un texto de David Aceituno para público infantil onde narra a historia dun dragón alérxico que cun esbirro sae das páxinas do seu libro e decide vivir novas aventuras.
En relación co libro, a editora Gemma Sesar sinala que "é un conto de sempre, cun debuxo clásico. Estas dúas cuestións son as que me engaiolaron da historia, que conta moitísimas cousas, hai un dragón, un cabaleiro, unha princesa, animais... ÿ o típico conto que lle gusta a nenos e nenas, que non pretende ensinarlles nada senón facer que pasen un bo rato. A narración de David Aceituno é rápida e cada páxina te empurra a pasar á seguinte; e o debuxo de Miguelanxo Prado é doce e preciso".