Chega a Pontevedra 'La dama duende' de Calderón de la Barca, a última montaxe dirixida por Narros
Por Redacción
A peza teatral La dama duende, dirixida polo dramaturgo Miguel Narros antes do seu falecemento en xuño de 2013, será representada en Pontevedra o próximo venres 25 de abril.
Trátase dunha das comedias de capa e espada máis divertidas do escritor Calderón de la Barca, un dos máximos representantes do teatro barroco español. Nela cóntase a historia de dona Ángela, unha viúva que desexa conquistar a don Manuel, o íntimo amigo dun dos seus irmáns. O texto contén lances cabaleirescos e pelexas, ademais dunha reflexión sobre o libre albedrío e o azar.
Miguel Narros dirixiu este espectáculo coa súa visión coral na que destaca a beleza do xogo constante de estanzas e ambientes. O elenco de actores está formado por Marcial Álvarez, Diana Palazón, Iván Hermés, Mona Martínez, Chema León, Emilio Gómez, Eva Marciel, Paloma Montero e Antonio Escribano.
A función comezará no Centro Social da Fundación Novacaixagalicia ás 20.30 horas e as entradas pódense adquirir a través de servinova.