O Conservatorio volve sacar a música á rúa con catro concertos ao aire libre
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga volverá sacar os instrumentos á rúa esta primavera. Tras o "éxito" das actividades realizadas ao longo do ano 2013 para conmemorar o 150 aniversario da institución, a partir do próximo martes 8 de abril poñen en marcha unha serie de catro concertos ao aire libre en distintos enclaves de Pontevedra. Estaba previsto que empezasen este luns 7 de abril, pero aprazouse polo mal tempo.
O director do Conservatorio, Luis Costa, e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, explicaron 'O Conservatorio na rúa' é unha iniciativa que busca abrir e aproximar esta institución á cidade seguindo a senda de actividades que en 2013 foron "un éxito de acollida do público, dos participantes e das agrupacións".
As catro actividades da programación implican agrupacións de gran tamaño en atención ás características acústicas dos espazos elixidos: as prazas da Verdura e do Teucro e o claustro da facultade de Belas Artes.
A primeira actividade da programación será o 'Concerto dos Ensembles', ás 19.00 horas do martes 8 de abril na praza da Verdura. Participarán un ensemble de frautas dirixido por Susi Trastoy; unha orquestra de violoncellos cos directores Víctor Pérez e Elena Pérez; e un conxunto de metais do director Francisco Mora.
O mércores 9 de abril, ás 19.00 horas haberá na praza do Teucro un concerto de bandas dirixido por José Pérez. O venres 11 de abril á mesma hora e no mesmo lugar prográmase un concerto de agrupacións no que, entre outras, actuará o coro 'Luis Álvarez Limeses' coa orquestra do Conservatorio.
O concerto de clausura do ciclo será o xoves 22 de maio no claustro da facultade de Belas Artes. Neste caso, a cita será máis tarde que as anteriores, ás 20.30 horas, e consistirá nun 'Concerto das Orquestras' baixo a batuta de Francisco Mora e Sergio Heredia.
Este ano o Conservatorio intensificou a súa relación cos centros educativos e a finais de abril organizarán unha nova edición da iniciativa de concertos didácticos nas súas instalacións da rúa Xoán Carlos I pola que pasarán preto de 2.000 escolares.