Dos libros de Kalandraka ao gardarroupa dos máis novos: como vestir de conto?
Por Alejandro Espiño
A Bob Esponja e Dora la exploradora saíulles unha dura competencia. E é de Pontevedra. Trátase dos protagonistas dos contos O coelliño branco e A cebra Camila. Estas dúas historias da editorial Kalandraka saltarán das páxinas dos libros ao gardarroupa dos máis pequenos da casa. Será da man de Casa K, unha empresa textil de Bueu, que lanzará, utilizando devanditos personaxes, unha serie de coleccións de roupa.
Casa K, especializada en crear pezas de roupa cheas de colorido e fantasía, pensa nunha primeira colección exclusiva de "camisetas alegres e pixamas cómodos" para nenos de 2 a 6 anos. Estarán dispoñibles en dúas cores, lila e azul. Así mesmo, as pezas apostan pola confortabilidade e a calidez, con tea de algodón cento por cento. Vestimentas, segundo os deseñadores que "destacan pola súa comodidade".
O ilustrador ÿscar Villán é o creador dos coñecidos personaxes que protagonizan esta liña, cuxas historias diríxense ao público infantil da mesma franxa de idade. O coelliño branco foi o seu primeiro libro, un conto tradicional adaptado co que gañou o 1º Premio Nacional de Ilustración 1999; e ao que lle seguiu a obra A cebra Camila, ambos publicados por Kalandraka.
Casa K ofrece a posibilidade de adquirir o pack de camiseta e libro en calquera das linguas nas que está publicado: A cebra Camila en castelán, galego, catalán, italiano e portugués; e O coelliño branco en castelán, galego, catalán, euskera, portugués, italiano e inglés, así como adaptado á linguaxe de pictogramas para nenos e nenas con necesidades educativas especiais.
Segundo os deseñadores, nesta colección Outono-Inverno 2012 priman os deseños abrigosos de manga longa, nos que se coida ata o máis mínimo detalle. "As camisetas teñen un acabado exterior de carbono para darlles unha delicada textura de pel de melocotón, mentres que os pixamas sométense a un proceso de esmerilado interior para que tamén resulten máis gratos ao tacto", explican.
Unha opción que permitirá vestir de conto e xogar. Ademais da imaxe frontal, esta colección de roupa incorporará un personaxe oculto que, simulando ao xogo do cucú, atópase no extremo interior da manga. No modelo "O coelliño branco" será unha formiga e en "A cebra Camila" será o caracol, que nos libros axudan a cada un dos protagonistas. Nos pixamas, estes personaxes plasmáronse no pantalón.
En resumo, moda infantil alegre e cómoda, deseñada en Galicia e fabricada en Portugal, que transmite a sinxeleza, a picardía e a complicidade dos personaxes. "Pezas de roupa suaves como unha caricia, para vestir de conto", destacan desde a empresa Casa K.