Espectacular éxito de audiencia de "O final do Camiño" na súa estrea
O final do Camiño, a serie rodada en varias localizacións da provincia de Pontevedra e patrocinada pola Deputación, cultivou un espectacular apoio do público na emisión do seu primeiro capítulo. A produción foi o programa máis visto do día na súa estrea tanto en TVE coma en TVG –emitíase en ambas as canles– e colocou a televisión estatal como líder de audiencia nacional na súa franxa de emisión. Viron o comezo das aventuras dos irmáns Catoira e os acontecementos históricos que narra a serie, coa construción da catedral de Santiago como pano de fondo, 2.170.000 espectadores da canle, mentres que na TVG, onde tamén foi a emisión con máis seguidores, se chegaron a alcanzar picos de 300.000.
A serie mostrou as primeiras localizacións exteriores gravadas na provincia. Nada máis empezar prodúcese un ataque sarraceno nos bosques de Deza, onde se evoca o poboado de Catoira no ano 1075. Ao longo dos oito capítulos de O final do Camiño mostraranse distintos lugares de Silleda, Lalín, A Estrada, Vila de Cruces e Forcarei.
A cota de pantalla da estrea de O final do Camiño, emitido en prime time –horario de máxima audiencia– foi do 13 % en TVE, mellorando en 2,7 % a media da canle ao longo do día. A medida que avanzaba o capítulo o interese aínda creceu máis, chegándose ao 14 % ao final do episodio. En Galicia a cota alcanzou o 18,9 % na emisión en castelán a través de TVE, mentres que na TVG se situou no 15,5 %. A canle autonómica congregou durante a emisión unha media de 159.000 espectadores, chegando a duplicar esa cifra nalgúns momentos.
Redes sociais
Ademais de dominar a audiencia televisiva na súa franxa nas dúas canles, a serie foi seguida co máximo interese nas redes sociais, suscitando miles de comentarios. En Twitter foi trending topic co hashtag #ElfinaldelCamino. Os primeiros resultados acreditan que a produción está chamada a ser unha das grandes ficcións da temporada. A próxima semana continúa a historia co segundo dos oito capítulos.