O Concello propón que a circunvalación salve con túneles as estribacións da Fracha
Por Oskar Viéitez
A Corporación municipal ratificou no pleno deste luns ás súas alegacións á autovía A-57 no tramo Vilaboa-A Ermida, popularmente coñecida como a circunvalación de Pontevedra.
Un pequeno grupo de membros da Plataforma Salvemos a Fracha acudiu á sesión plenaria a título informativo e fixo entrega ao alcalde e aos tres voceiros dos grupos municipais do seu "argumentario básico".
"Imos intentar que o impacto sexa o menor posible", comprometeu o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, pero "a circunvalación ninguén a discute, póñennos vostedes nunha situación moi difícil". Por este motivo o concelleiro nacionalista indicou que "despois de moitos anos demandando esta infraestrutura, mesmo en manifestacións na rúa, non sería coherente, non sería serio, rexeitala agora. Non sei como poderíamos ir despois a pedirlle algo a calquera administación".
"Defendemos que esta infraestrutura hai que facela. Pódese discutir que teña o mínimo impacto", insistiu.
Os tres grupos municipais BNG, PSOE e PP votaron a favor e abstívose a edil non adscrita, María Biempica (que sinalou que quere coñecer primeiro a fondo as alegacións veciñais), aprobandose os tres informes municipais: da Oficina de Medio Natural, da oficina de arqueoloxía e tamén do enxeñeiro xefe.
O máis contundente é o informe da Oficina de Medio Natural que propón que se substitúan trincheiras pola "construción de túneles" e que non se fagan recheos sobre o río Gafos.
O informe municipal apunta que o paso da circunvalación polas estribacións da Fracha "pode provocar danos irreversibles xa que estas trincheiras funcionan como unha barreira tanto para o medio terrestre" como para os cursos fluviais.