A Xunta convoca aos afectados polas expropiacións da estrada PO-531 en Campañó
Por Oskar Viéitez
A Xunta publicou este mércores no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra a convocatoria, para os vindeiros meses de xuño e xullo dos actos expropiatorios para executar as obras de mellora de seguridade da estrada autonómica PO-531 ao paso pola parroquia de Campañó, en Pontevedra.
Esta nova intervención da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que suporá un investimento de preto de 975.000 euros, engloba o treito da vía autonómica entre a PO-310 e a vía de alta capacidade VG-4.8 e ten por obxectivo contribuír á mellora de seguridade neste tramo da PO-531, especialmente para os peóns, a través dun conxunto de actuacións que tamén favorezan a mobilidade e a fluidez do tráfico.
O levantamento das actas previas á ocupación terá lugar o 18 de xuño, no Pazo da Cultura de Pontevedra e a formalización, o 23 de xullo, no mesmo lugar.
As obras prevén a transformación da intersección en “T” existente na conexión desta vía coa PO-310 nunha glorieta cun diámetro exterior de 30 metros.
Tamén se inclúe a execución de sendas peonís en ambas as marxes da PO-531, entre a nova glorieta e a VG-4.8.
Acondicionarase a intersección na marxe esquerda de acceso ao CEIP Campañó, e habilitaranse nesta contorna dúas zonas de aparcadoiro.
Relacionadas:
-
A primeira reunión do Consello da nova Xunta aproba a reforma da PO-531 en Campañó
Por Oskar Viéitez |
-
Preocupación no CEIP Parada-Campañó pola falta de seguridade viaria no acceso ao centro escolar
Por Redacción |
-
Haberá sendas peonís e unha nova glorieta en Campañó, entre a PO-310 e a variante de Poio
Por Redacción |