Preocupación no Lérez por un novo episodio de morte masiva de peixes
Por Redacción
A aparición dunha elevada cantidade de peixes mortos na ría e no río Lérez, na zona que vai entre a fábrica de Ence e a Ponte de Santiago, espertou nas últimas horas todas as alarmas.
Os peixes comezaron a aparecer na tarde-noite deste sábado, segundo denunciaron numerosos cidadáns e corroboraron os membros da Asociación pola Defensa da Ría (APDR).
Desde o colectivo ecoloxista deron aviso ao 112 Galicia e denuncian que "son demasiadas as ocasións nas que se repiten estas situacións sen que se chegue a saber sequera a causa que as provocou".
A este respecto, a APDR insta ás administracións competentes a que actúen "coa celeridade e responsabilidade necesarias" para determinar as causas que poidan estar detrás desta mortaldade de peixes e traten de evitar no futuro feitos semellantes.
Subliñan que a Ría de Pontevedra está a atravesar unha situación "altamente preocupante", que está a sufrir de forma moi evidente o sector marisqueiro tradicional, que se ten que enfrontar á progresiva perda de produción e de ingresos económicos.
A APDR apunta que resulta evidente que o cambio climático é un dos factores que están a provocar esta situación, pero sosteñen que o saneamento da ría e a recuperación da calidade das súas augas, "é unha necesidade que as administracións non poden eludir por máis tempo".