A reforma de Rosalía de Castro e o vial de Mollavao van licitarse conxuntamente para que en 2026 estean finalizados
Por Anxo Lourido
César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas, anunciaba este venres que se licitarán de forma conxunta as obras da reforma do novo vial de Mollavao, coñecido como o baipás, e a prevista na Rúa Rosalía de Castro.
Explicaba que se trata dunha decisión "operativa" para reducir os prazos para a realización de ambos os proxectos.
O concelleiro lembrou que "por motivos administrativos" estas intervencións dividíronse en dous proxectos distintos. "A reforma de Rosalía de Castro non podía ser realizada sen a construción con antelación do novo vial de Mollavao, xa que a rúa pasará a ser de dirección única cun carril", subliñou Mosquera no seu encontro cos medios de comunicación.
Engadiu que o goberno local encargou a actualización de prezos do proxecto do vial de Mollavao, unha vez que se resolveu a situación con Costas, para actualizar os prezos e evitar desta forma que o concurso quede deserto. Tamén se solicitou a actualización de prezos da obra en Rosalía de Castro e o trámite de contratación do proxecto para axardinar a parcela dos circos en Mollavao.
César Mosquera calcula que o total da licitación de ambos os proxectos ascenderá a 3.300.000 euros.
Sinalaba que de non facelo de maneira conxunta teríase que optar por unha fórmula secuencial e o goberno municipal teme que provocaría atrasos nestas actuacións. Entende que esta solución evitará choques entre empresas ao establecer os plans de obras.
"O punto conflitivo é facer un entronque na avenida de Marín, punto neurálxico máis complicado", destacou Mosquera.
"Queremos recuperar o máximo tempo posible para que canto antes a xente da zona, e todos os pontevedreses e pontevedresas, poidan ver isto reformado",, advertía o concelleiro indicando que a licitación espera que se realice a finais deste 2024.
Se se cumpren os prazos, a previsión é que finalizase a mediados de 2026.
Relacionadas:
-
Na procura de consenso coa oposición para aprobar a primeira modificación de crédito do orzamento
Por Anxo Lourido |
-
A autorización de Costas para o 'baipás' de Mollavao reactiva a reforma de Rosalía de Castro
Por Alejandro Espiño |
-
Vía libre de Costas para que o Concello constrúa o novo vial de Mollavao
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra e Costas "parten de cero" para deseñar proxectos "viables e razoables"
Por Alejandro Espiño |
-
"Penúltimo paso" para o vial de Mollavao, só pendente de Costas para saír a licitación
Por Alejandro Espiño |
-
Costas desatranca a concesión de terreos para poder construír o vial de Mollavao
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |