O reparto a domicilio da praza de abastos de Vilagarcía farase nun coche eléctrico
Por Oskar Viéitez
O Concello de Vilagarcía vén de sacar a licitación a compra dun vehículo 100% eléctrico para poñer en marcha un servizo de reparto a domicilio dos produtos adquiridos na praza de abastos.
O contrato ten un prezo de saída de 48.400 euros, que o Concello financia cos fondos europeos Next Generation.
A posta en marcha do servizo de reparto a domicilio aos clientes do mercado público é unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica que dirixe Álvaro Carou.
No marco destas mesmas accións de modernización e mellora da eficiencia enerxética da praza de abastos, a semana pasada comezou a instalación do sistema fotovoltaico para autoconsumo colectivo na sala de abastos vilagarciá.
Tamén se iniciaron os traballos para a dotación dun punto de recarga para vehículos eléctricos na sala vilagarciá e outro na de Vilaxoán.
A actuación, tamén incluída no proxecto "Vilagarcía Viva", supón un investimento de 84.790 euros a financiar cos fondos europeos do Next Generation. Os traballos están sendo executados pola empresa Lumea Soluciones Eléctricas.