CCOO demandará este 1 de maio pleno emprego, mellores salarios e industria na comarca
Por Anxo Lourido
Este mércores 1º de Maio, Comisiones Obreiras (CCOO) sairá á rúa nunha manifestación polas rúas de Pontevedra que comezará ás 11.30 horas no Hospital Provincial e finalizará, por primeira vez, na praza da Pedreira.
"Por primeira vez somos o sindicato maioritario na comarca de Pontevedra en grandes empresas", apuntaba José Luis García Pedrosa, secretario de organización de CCOO comarcal, na presentación das reivindicacións para esta cita que se produce nun contexto, segundo o representante sindical, onde existe unha disputa de poder á marxe dos métodos democráticos cunha "situación de 'y tú más' que non é axeitada para avanzar socialmente".
Pedrosa reclamaba que os traballadores sexan situados nun primeiro plano porque, aínda que recoñecen que a reforma laboral serviu para mellorar a estabilidade no emprego e mellorar condicións de vida, "aínda hai moito camiño por percorrer", sinalan desde CCOO ao entender que é necesario mellorar o marco lexislativo dos contratos a tempo parcial e de fixos descontinuos.
Por este motivo, este 1 de maio pedirán unha regulación da xornada laboral para que sexa efectiva xa que, entenden, segue existindo unha xornada laboral controlada que non se corresponde coa real. Tamén apostan pola redución da xornada.
Esixen unha reforma lexislativa das mutuas, onde consideran que se produciu un "retroceso moi importante" e adiverten de que as empresas teñen poder sobre as mutuas apertando aos traballadores e obrigándoos a que vaian a trabajr mesmo "sen as condicións adecuadas", acusou o secretario de organización sindical. "Hai unha regresión contra a saúde dos traballadores inadmisible", lamentou Pedrosa.
Tamén claman pola mellora dos salarios. "Moitos traballadores pásanas canutas porque os salarios son moi cativos e non permiten unha vida digna", explican lembrando que é necesario impulsar unha política industrial: "Galicia ten condicións para ser un país avanzado e somos atrasado industrialmente porque non aproveitamos o sector forestal, hidráulico, enerxías eólicas e mariñas", expoñen desde CCOO.
Neste sentido, advirten de que numerosos traballadores de empresas de Pontevedra terminan desprazados en España ou en distintos puntos de Europa, Oriente Medio ou América.
Ademais reivindican unha estratexia de coidados de persoas maiores, sanidade pública e un reforzo dos servizos públicos en xeral coa idea de mellorar a calidade de vida. Neste punto demandan da Xunta de Galicia novos sistemas de financiamento que eviten conflitos coas administracións locais para atender aos sectores que se encargan da dependencia.
A estas demandas súmase a reclamación dunha política de vivenda pública adecuada tanto á construción como ao parque de alugueiros; unha reforma fiscal que permita destinar máis recursos para a sanidade, educación e dependencia baixo a premisa de "quen máis teña, pague máis".
SEN UNIDADE SINDICAL
José Luis García Pedrosa manifestou que a falta dunha marcha única con UGT como sucedía ata 2022. "Hai cousas que UGT non asume", apuntou como é o caso do desenvolvemento industrial na comarca. "Tamén hai prácticas de UGT que non compartiremos. Non acudimos a socorrer as empresas cando teñen dificultades", continuou.
"Se queremos salarios que xeren outras empresas de servizos con salarios de calidade ten que haber unha aposta por política industrial. Aquí non se fai porque politicamente BNG e PSOE non apostan por este modelo de desenvolvemento", sinala o secretario de organización comarcal.
"O sindicalismo de clase non é unha etiqueta. Hai que practicalo e situar os traballadores como centro da actividade", afirmaba Pedrosa.
Sobre as diferenzas coa CIG acusou o sindicato nacionalista de mentir en relación á reforma laboral ou ao sistema de pensións e afirma que esta centra é a fronte obreira do BNG utilizando os mesmos formulacións políticas. "Os grandes avances dados foron a través do diálogo social onde a CIG non participa e moitas veces alinéase coa patronal", argumentaba José Luis García Pedrosa explicando que á reforma das pensións opuxéronse a CIG e a Confederación Española de Organizacións Empresariais.
Relacionadas:
-
Un 1 de maio "especial" pola "confrontación" política, que CCOO pide rebaixar para que "se sitúe en primeiro plano" a defensa da clase obreira
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
UGT pedirá evitar a exclusión social no Día do Traballador
Por Anxo Lourido |
-
CCOO concéntrase ante o monolito ás vitimas do Villa de Pitanxo e reivindica seguridade no traballo
Por Anxo Lourido |
-
Comisións Obreiras denuncia o "caos" e o "abandono" no servizo de Correos de Pontevedra
Por Redacción |
-
CCOO denuncia que os vestiarios das empresas auxiliares de ENCE en Lourizán son "unha especie de poboado chabolista con ratas"
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |