A mellor cervexa artesá, reunida por primeira vez nun festival en Poio
Por Redacción
Unha carpa instalada na Seca acollerá os días 26 e 27 de abril o I Festival de Cervexa Artesá, un evento que ofrecerá degustacións de cervexa, charlas, catas ou música en directo.
No festival, ademais da cervexa local Meiga, tamén participarán Aquelarre, Madroa, Píntega e Menduíña, que servirán ata vinte cervexas de billa diferentes. Algunha delas, segundo a organización, poderá degustarse en primicia xa que aínda non está no mercado.
O evento está organizado por Cervexa Meiga e a Asociación de Cervexeiros Independentes Galegos Artesás (ACIGA), en colaboración co Concello de Poio.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou que será unha cita "singular", porque serán os seus propios fabricantes "os que van explicar o tipo de produto que están degustando, cales son as súas características ou de que están elaboradas, sempre cun mimo e cariño especial".
Pola súa banda, Luis Tilve, de Cervexa Meiga, subliñou que o obxectivo deste evento "é poñer en valor un produto que cada vez está máis en voga" e asegurou que vai ser unha oportunidade para degustar moitos estilos cervexeiros nacidos en lugares recónditos do mundo.
A apertura da feira será o venres 26, ás 17:00 horas, e unha hora máis tarde, ás 18:00 horas, haberá unha conferencia sobre o movemento Slow Food, con Leonor Lorenzo e Rocío García.
Ás 20:00 horas realizarase unha cata de cervexas Augas Santas e, posteriormente, a partir das 22:00 horas será o concerto de La Mosca Valiente.
Xa o sábado, a carpa abrirá ás 12:30 horas, e Morgadance actuará ás 13:30 horas. Pola tarde, haberá unha cata de cervexas ancestrais impartida por Juan P. Ferreiros (Píntega).
A partir das 21:00 horas comezará a entrega de premios ao mellor cervexeiro do festival, con sorteo de cervexas entre os participantes. A fin de festa será ás 22:00 horas co concerto de Four Passengers.