Alfonso Rueda anima a adoptar animais nos refuxios autorizados porque "merecen unha segunda vida"
Por Alejandro Espiño
"Eu tiven can moito tempo", afirmaba Alfonso Rueda nada máis cruzar a porta do centro de acollida e protección de animais (CAAN) que a Deputación de Pontevedra xestiona en Armenteira (Meis). "Estar aquí é un gusto", engadía durante a súa visita.
O titular do goberno galego desprazouse ata este refuxio para anunciar que "nunhas semanas" estará activa a liña de axudas que lanzará a Xunta de Galicia para axudar aos cidadáns que adopten un animal doméstico cos primeiros gastos veterinarios.
Así, daranse 150 euros no caso dos cans e de 125 euros se se trata de gatos.
Serán para financiar os custos da identificación con microchip, a desparasitación, a vacinación ou a esterilización dos animais que, en todo caso, deben ser adoptados nalgún dos 39 centros de acollida autorizados en Galicia.
A Xunta destinará 125.000 euros para estas axudas durante 2024, co obxectivo de promover a adopción dun milleiro de animais de compañía. A previsión é que cada cidadán interesado poida recibir, como máximo, axudas para dous animais.
"Se queren ter un amigo para a toda vida aquí teñen unha oportunidade", sinalou Rueda, que animou á cidadanía para adoptar animais abandonos nos centros de ccollida porque "merecen unha segunda vida"
Os beneficiarios deberán solicitar estas axudas antes do 30 de setembro e non poderán transmitir a titularidade do animal mentres viva, excepto por causas de enfermidade, incapacidade ou vulnerabilidade económica da persoa adoptante.
A intención do goberno galego é que a relación entre os seres humanos e os animais "sexa cada vez máis estreita" porque, segundo Alfonso Rueda, "unha Galicia con máis mascotas, con mais amor polos animais será unha Galicia mellor".
170 ADOPCIÓNS NO CAAN
Aproveitando esta visita, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou que este centro de acollida xestionou 170 adopcións no que vai de ano. Durante todo 2023 atoparon un novo fogar un total de 597 cans.
Na actualidade, conviven no centro 288 animais e están adheridos a este servizo 52 concellos de toda a provincia, onde se recollen animais sen fogar, abandonados ou que provocan algún problema de convivencia.
"Fago un chamamento á adopción de animais e, como Deputación, temos que dicir que estamos moi orgullosos dun servizo destas características", sinalou López.
O goberno provincial destina 1,4 millóns de euros para a xestión deste refuxio durante dous anos, un contrato que inclúe a recollida de animais todos os días do ano, a atención aos cans que residen no centro e o asesoramento ás persoas interesadas en adoptar.
Ademais, a estas prestacións sumouse un novo servizo de control e esterilización de colonias felinas nos concellos pontevedreses, a través da identificación, vacinación, desparasitación e esterilización dos individuos.
Relacionadas:
-
O programa de Colonias Felinas do CAAN comeza coas esterilizacións de gatos
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG de Marín solicita a creación de áreas recreativas para cans
Por Oskar Viéitez |
-
Os pequenos concellos contarán cun novo servizo de esterilización de gatos procedentes de colonias felinas
Por Oskar Viéitez |
-
Rescatan catro cachorros abandonados nunha caixa ao carón dun contedor de lixo de Vilaboa
Por Redacción |
-
504 animais do CAAN da Deputación foron adoptados neste 2023
Por Anxo Lourido |