O PSOE critica a "situación de parálise na que o BNG ten sumida a Pontevedra"
Por Oskar Viéitez
O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, denunciou este venres o "alarmante" estado de execución que, segundo resaltan os informes do Servizo de Intervención, tivo no orzamento de 2023 o capítulo dedicado aos investimentos reais.
"Só se executaron un 29,91% dos cartos inicialmente previstos", sinalou Puentes "o que significa que o Concello deixou sen investir case 25 millóns de euros". Unha "raquítica porcentaxe" que, para o líder socialista, pon de manifesto a "situación de parálise na que o BNG ten sumida a Pontevedra" e son un "síntoma evidente de mala xestión por parte do Goberno Local".
Para o portavoz municipal do PSOE o goberno local conta cuns cartos "que están no banco en lugar de estar resolvendo problemas, necesidades, facendo obras, contratando persoal e implementando novos servizos para os veciños e veciñas de Pontevedra".
Puentes pregúntase que vai facer o goberno local cos 35 millóns de remanentes para este ano e carga contra o PP e a concelleira Pepa Pardo por votar en contra da senda de déficit e dos obxectivos de estabilidade orzamentaria do Goberno de España, que permitirían empregar o 100% deses cartos: "A señora Pardo, concelleira e senadora a media xornada, sempre a lía bastante 'parda' en Madrid".